O ataque de Estados Unidos e Israel contra Irán, que constitúe outra violación máis do Dereito Internacional e avanza na consolidación dunha nova orde global caracterizada pola ausencia de regras, representa á súa vez unha nova oportunidade para Pedro Sánchez de proxectarse como un referente internacional progresista e como polo oposto a Donald Trump e ás correntes reaccionarias. Nos tempos que corren, manterse do lado da legalidade internacional e dos procedementos diplomáticos abonda para constituírse en antagonista do imperialismo de Washington. Por se fose pouco, o aparello de produción de discurso da Moncloa volveu actualizar un concepto que tan bo rédito reportara no pasado. Se hai unhas semanas Pedro Sánchez falaba de tecnocasta, agora recicla o “No a la Guerra”.
A voceira do Grupo Popular no Congreso, Ester Muñoz, usaba esta semana un chío de Onda Cero para publicar unha metáfora que, de seguro, a ela lle pareceu inxeniosa. O chío en cuestión dicía “La postura de España en la guerra de Irán: en contra del “régimen odioso”, pero también del bombardeo de Israel y EEUU”. Calquera sabe que o xornalismo está hoxe en día sometido aos códigos das redes sociais, e que a forma de elaborar titulares debe responder a criterios de posicionamento, viralidade, palabras chave, etc… Calquera sabe que hoxe en día, o xornalismo está secuestrado por empresas de propaganda que sobreviven en función do tráfico que xeren. Non afondaremos nesta cuestión, aínda que é estrutural para entender a atmosfera de contaminación informativa na que vivimos. O “brillante” comentario de Ester Muñoz a respecto da suposta contradición do Goberno de España que Onda Cero insinuaba dicía “La postura de Sánchez : en contra del “régimen odioso de Hitler”, pero también del desembarco de los aliados en Normandía”. Insistimos: na súa cabeza soaba maxistral, ilustrativo, demoledor, incontestable… viral!
Non semella que a sociedade española no seu conxunto avance excesivamente en termos de comprensión lectora nin capacidade de expresión. Froito diso é o nivel dos seus representantes públicos, que tamén vai aparellado á escasísima esixencia que teñen. Se a esta premisa lle engadimos como as redes sociais condicionan o debate público e como cada vez se simplifican máis as narrativas e os discursos para acomodalos a un consumo rápido e a uns niveis de comprensión mínimos, a calidade e a coherencia das posicións políticas tamén decaen. A degradación do debate vai da man da perda de calidade das intervencións parlamentares e das análises xornalísticas. Neste contexto, un recurso habitual é o plantexamento de todas as cuestións en termos de dicotomía, sen matices, sen grises. Preguntas onde unicamente se pode estar a favor ou en contra, aceptar ou rexeitar, aprobar ou denegar. O segundo recurso a ter presente é a necesidade de construír un inimigo contra o que proxectar as propias carencias.
Á marxe da obsesión que a dereita española demostra con Pedro Sánchez, produto dunha frustración xerada, entre outros factores, polas carencias político-ideolóxicas dos seus líderes e cadros principais, algunhas cousas están a quedar ben documentadas na actual fase de convulsión internacional. A carencia histórica dunha posición definida por parte da dereita española en termos de relacións internacionais, sometida sempre ao seguidismo de Estados Unidos, mesmo en contra da súa propia soberanía, queda de manifesto nos anos nos que a globalización neoliberal amosa síntomas de fin de ciclo. A dereita española interpreta o mundo baixo parámetros do século XX, nunha lóxica de bloques na que ao seu país unicamente lle corresponde alistarse nun dos dous únicos bandos posibles e acatar o que ditamine Washington. Hai que dicir que boa parte da esquerda segue tamén a empregar códigos dos 90 para tomar posicións.
A metáfora de Ester Muñoz denota isto. Deixa entrever que, tal e como acontecía en tempos da Guerra Fría, o mundo réxese por bloques militares confrontados e EEUU dita as pautas de adhesión ou condena dos seus aliados. Esta postura omite a importancia das relacións comerciais ou dos intereses enerxéticos, por exemplo, no prisma para ler o mundo do século XXI. Omite que hai potencias emerxentes que se sitúan á marxe da lóxica de bloques e que viven fóra dos ditames de Occidente. Omite que a democracia e os dereitos humanos xa non son límites innegociables en moitos puntos do planeta (a comezar por EEUU), senón que cada vez son máis excepcionais. Omite, sobre todo, que na Casa Branca está un desequilibrado condecorado con todo tipo de delitos que actúa de apoio dun xenocida tamén repleto de causas xudiciais.
Reducilo todo a termos de dicotomía favorece, e necesita, a construción permanente dun inimigo. Especialmente para soster posturas políticas febles. Opoñerse ao xenocidio en Palestina era apoiar a Hamas. Denunciar a vulneración do dereito internacional no secuestro do presidente Maduro era apoiar o chavismo. Opoñerse aos bombardeos indiscriminados de EEUU e Israel é agora defender o “réxime dos ayatolás”. Un significante este último tremendamente aproveitable na comunicación política debido á súa sonoridade e carga pexorativa irreversible. Propoñer un cuestionario de só dúas opcións para todo remata por conducir á construción de identidades á contra. Por iso se necesitan inimigos, para presentarse como antagonista.
Este é o mecanismo que está detrás da metáfora, tremendamente ridícula, de Ester Muñoz. Posto que Pedro Sánchez non manifestou de xeito expreso un apoio férreo aos bombardeos ilegais de Washington e Tel Aviv, cabe deducir que en 1944 tampouco estaría tan en contra de Hitler. É unha conclusión que non se elaboraría nunha aula de primaria, pero que para a portavoz do grupo maioritario no Congreso dos Deputados é perfectamente válida nun contexto bélico. O perfil de X desta señora está cheo de mensaxes deste tipo, perfectamente representativas do nivel de oratoria dos deputados e deputadas do seu grupo, a imaxe e semellanza, por certo, do seu líder, Alberto Núñez Feijóo. Pero canto máis se degrada a conversa pública máis efectivas resultan as mensaxes simplistas. A dicotomía, a caricatura e o inimigo externo. As tres chaves da comunicación política dunha dereita que, ante a aceleración dos tempos a escala global que habitamos atópase con varias deficiencias estruturais: a carencia de política exterior propia e adaptada aos tempos, a interpretación do mundo con mapas da Guerra Fría e unha obsesión patolóxica co personaxe Sánchez, xusto cando este se proxecta internacionalmente como táboa de salvación propia.


