A idea semella clara: se non podo lexislar proxéctome como referente progresista internacional. Pedro Sánchez está disposto a resistir e a cumprir o compromiso de esgotar a lexislatura, e non serán suficientes nin o turbotelladismo, nin as derrotas territoriais do PSOE nin o secuestro da lexisltaura de Junts para dobregalo. A semana pasada o Presidente do Goberno anunciou unha serie de medidas para restrinxir o acceso de menores ás redes sociais e, precisamente nelas, pugnou cos magnates que están detrás das plataformas tecnolóxicas máis importantes. Fíxoo aos poucos días de anunciar a regularización extraordinaria de máis de medio millón de persoas migrantes que residen en España e no marco dunha intensificación da súa estratexia de comunicación, que pilota agora sobre vídeos -nas redes sociais- nos que explica persoalmente os seus principais anuncios e amosa un perfil menos presidencial recomendando música e lecturas. Vaiamos por partes.
Conta con amplo consenso a idea de que as redes sociais son espazos turbios de toxicidade, manipulación, mentiras, violencia e todo tipo de actividades sen control que nas rúas serían inaceptables. Estas plataformas desenvolvéronse por riba de controis e regulacións, teñen hoxe máis poder que moitos estados e contan cunha capacidade de influencia que ameaza directamente os propios sistemas democráticos occidentais. Entre as potenciais vítimas desta atmosfera que agora condiciona as nosas sociedades está a poboación menor, especialmente vulnerable ante contidos inapropiados e ante discursos nocivos. A idea de prohibir o acceso a redes sociais a menores de 16 anos conecta cunha preocupación transversal en toda a poboación. Protexer menores fronte a un perigo sempre é unha idea gañadora, pero prohibir no canto de regular implica o recoñecemento dunha incapacidade, especialmente se se da en posicións progresistas. Máis alá da viabilidade técnica desta media, da súa aplicación e da súa efectividade, se o exemplo o trasladamos ao espazo físico, renunciar a regular o que acontece nas rúas e prohibir directamente o acceso a elas resultaría unha proposta inaceptable.
A este anuncio respondeu o fundador de Telegram, Pavel Durov, acusando a Sánchez de restrinxir liberdades, despois de que Elon Musk, dono de X, o atacara días antes tamén con insultos e descualificacións. Poucos favores mellores lle podían facer á estratexia de Pedro Sánchez. No seu papel de líder progresista internacional rescatou e actualizou un concepto que demostrara a súa efectividade anos atrás: casta. O xurdimento de Podemos en 2014 apoiárase no resorte desta palabra para mudar o eixo discursivo tradicional e alimentar con este significante a estratexia populista que tan bos resultados electorais colleitara e tan ben conectara co sentir de época naquel momento. Pedro Sánchez etiqueta como tecno-casta a todos os millonarios que se alistaron ao carón de Donald Trump e patrocinan a intoxicación das democracias mentres multiplican as súas fortunas. Enfrontándose a un poder antidemocrático e imparable, Sánchez sitúase de contrapeso no lado aposto á Internacional Reaccionaria a escala global. Ou iso pretende. A mensaxe é que a súa confrontación non é cun Núñez Feijóo que se desintegra só, senón cos poderes globais que representan figuras tan extravagantes como Trump, Musk ou Durov. A tecno-casta, un grupo de super viláns aos que tan só un heroe cuxa narrativa se fundamenta na épica é capaz de parar. Imposible non recordar aquela entrevista no outono de 2016 na que sinalaba directamente as inxerencias dos poderes económicos e mediáticos en favor da dereita española.
O deseño deste novo perfil de vocación global de Pedro Sánchez ten como canle de expansión precisamente as redes sociais (imposible doutro xeito a día de hoxe), nas que intensificou a súa presenza por medio de vídeos montados sobre a linguaxe propia destas plataformas, cos códigos de espontaneidade que os caracterizan e coa brutal capacidade comunicativa que exhibe Sánchez. A reflexión é obvia: nas últimas décadas, o capitalismo deixou maioritariamente en mans privadas o desenvolvemento tecnolóxico, a súa comercialización, as súas aplicacións… e entregoulle a intereses non democráticos o espazo no que desenvolver as interaccións sociais. Dito doutro xeito: o debate público dáse en empresas privadas. A cartografía precisa que as tecnolóxicas poden deseñar das sociedades actuais, nutrida a partires da acumulación de datos durante os seus primeiros anos de desenvolvemento, é unha arma dun potencial devastador que xa demostrou a súa eficacia en numerosos procesos electorais durante a última década. Fronte a isto, as regulacións na rede demóstranse impotentes e a prohibición revélase como o atallo máis doado.
O significante redes sociais adoita ser destinatario das acusacións de auxe do fascismo en análises máis ben superficiais. O caso é que esa explicación resulta escasa e incompleta. A puxanza do fascismo do século XXI non xorde aleatoriamente nas redes, senón que ten máis que ver cunha liña política perfectamente estruturada ante a evidencia de que as regulacións democráticas son incompatibles coa acumulación infinita de riqueza, e que a redistribución global ameazaría a hexemonía estadounidense fronte a un rival, China, que compite sen as limitacións das democracias liberais. E que aproveita as redes para espallarse. O caso é que sendo estas a gran ferramenta de intervención do século XXI, a súa linguaxe e os seus códigos (inmediatez, viralidade, superficialidade) espalláronse e impregnan os medios de comunicación convencionais. A comunicación política, sexa dun ou doutro signo, non se entende hoxe sen a adaptación á tiranía do TikTok. Os formatos televisivos e mesmo radiofónicos, a comezar polos informativos, enchoupáronse da textura das redes sociais. Adoptaron as formas pero tamén o fondo: o rigor quedou sometido á esixencia do tráfico, a verdade non é a mercadoría que máis cotiza e o impacto monetiza mellor que a análise. Nestas condicións, a comunicación é hoxe unha autovía sen peaxe para a intoxicación.
O problema non son as redes sociais, senón a liquidación do dereito á información. Algo que se produce tanto nun vídeo de 15 segundos que se difunde a través dun grupo de Whatsapp como na solemnidade dun faladoiro matinal que se emite nas ondas radiofónicas ou na portada dun prestixioso xornal en papel. Que a mentira sexa unha opinión e que os dous polos dun debate sexan a veracidade e a falsidade son perversións que amplificaron as redes sociais, pero que están perfectamente consolidadas tanto nas televisións como nas tribunas dos parlamentos.
Todo este desenvolvemento teórico coñéceo perfectamente Pedro Sánchez, de aí o uso dun hastagh potente e inxenioso, como #tecnocasta, para confrontar cos antagonistas máis representativos da nova era. O alcance electoral desta estratexia está por demostrar. A comercialización do odio e o seu aproveitamento político leva anos de vantaxe.



Unha resposta
[…] de regras, representa á súa vez unha nova oportunidade para Pedro Sánchez de proxectarse como un referente internacional progresista e como polo oposto a Donald Trump e ás correntes reaccionarias. Nos tempos que corren, manterse do […]
GústameGústame