Un estudo da Universidade de Barcelona cifraba en 3743 casos a corrupción xudicializada no Estado Español entre os anos 2000 e 2020. Arredor de 1500 casos involucran ao PP, e pouco máis de 1400 ao PSOE, superando o 75% a suma dos dous. O urbanismo e a licitación de obra pública acumulan boa parte deles, xunto á malversación de fondos públicos, e máis do 85% concéntrase no ámbito local. Galicia, con pouco máis do 5’6% da poboación do Estado, acumula arredor dun 9% do total de casos. Son algúns dos datos que se desprenden do documento “La corrupción política en España: un análisis descriptivo (2000-2020)”, da anteriormente citada UB.
É a engrenaxe do sistema de alternancia bipartidista da Transición, un comportamento estrutural e normalizado entre unha gran maioría da poboación española. A modélica Transición Española ten ao seu principal símbolo, Juan Carlos de Borbón, exiliado por exercer esa costume sistémica tan integrada. O privilexio monárquico e a complicidade bipartidista mantéñeno afastado dos xulgados. Ata ese punto está presente a corrupción no ADN da cultura política española.
A filtración do informe da Garda Civil que presenta en alta definición os modos e maneiras nos que altísimos cargos do PSOE percorrían artigos do Código Penal, coexistindo no tempo co Goberno de Pedro Sánchez, devolve ao primeiro plano a corrupción como problema político e moitos dos dogmas que se repiten sobre ela. A arquitectura administrativa e a permisividade penal fai da licitación de obra pública un manancial inesgotable no que habitan os seres máis indesexables das altas esferas políticas e empresariais. É aí onde conxugan os seus intereses e onde se amosan tal e como son, sen necesidade de aparentar nin de gardar as formas. As gravacións que a modo de navalladas filtran entre eles amosan tamén a súa escasa sofisticación verbal, formal ou moral. Este tipo de comportamentos adoitan ter distintas penalizacións políticas e reputacionais segundo quen as practique.
Indiferente á hemeroteca, prófugo da memoria
O electorado de centro dereita adoita ser amplamente permisivo con este tipo de comportamentos, cos que en moitas ocasións se identifica, e actúa acotío desposuído de ataduras morais nese afán polo progreso material individual. É aí onde se apoia o extremo cinismo que estamos a ver estes días nas declaracións descarnadas de representantes do Partido Popular, e do seu líder máis concretamente. Indiferente á hemeroteca, prófugo da memoria. Máis implacable é o electorado progresista, que adoita operar en parámetros máis moralistas e nos que a coherencia e a contradición son aínda condicionantes da imaxe pública. Quen goza de impunidade, tanto a nivel penal como de reputación é quen administra o aceite do motor: as empresas corruptas. Boa parte delas integrantes do IBEX e da CEOE, con papeis estelares nos financiamentos irregulares dos partidos da alternancia e indetectables para xuíces, fiscais e acusacións particulares. As donas do balón co que se xoga o partido. Con palco VIP reservado nos sumarios de PSOE e PP, con entrañables relacións cos mundos xudicial e policial, e administradoras da comunidade do ecosistema mediático español. A coherencia, iso que só aplica nun lado do terreo de xogo, non impide que o liberalismo español veña medrando case en exclusiva ao abeiro do Estado, da Administración Pública, ese núcleo irradiador de todos os males que tanto repudian e tanto necesitan.
A rebeldía é un deses conceptos que tamén cambiou de bando na última década. Xa non é patrimonio da esquerda contestataria, relegada agora a unha posición conservadora. Agora é motivo de orgullo para a dereita canallita, libertaria e liberticida a partes iguais. Unha dereita cuxo único credo é o poder e a solidariedade de clase, sexa en marcos democráticos ou fóra deles.
O informe da UCO que aireou as vergoñas dos dous últimos secretarios de organización do PSOE desatou o shock no partido e situou a lexislatura nos límites do posible. Se algo non se podía permitir este goberno era precisamente isto, a traizón ao seu mito fundacional: a loita contra a corrupción de M. Rajoy e a transparencia. Pero aconteceu. No epicentro dun acoso sen contemplacións, sometido a prácticas de lawfare que atentan contra calquera pinga de decencia e evidencian a estratexia golpista da dereita, o PSOE pon enriba da mesa dúas pezas de caza maior e as vergoñentas prácticas dende xudicatura, medios de comunicación e forzas policiais pasan a un segundo plano. Tal que se quedasen xustificadas. No medio da indecente persecución ao Fiscal Xeral do Estado aparecen as repugnantes conversas de Ábalos para sacar do foco ao xuíz do Supremo Ángel Hurtado, que estaba aplicando o aprendido no proceso de Sergio Moro contra Lula da Silva. Nun electorado abestado e sedento de impulsos diarios, calquera audio filtrado será bo motivo para exceder toda garantía democrática. Non perde o PSOE, perde a racionalidade como ingrediente de cidadanía.
O PSOE aférrase a pór en valor a súa reacción: expulsión dos salpicados e simulación de tolerancia cero, fiando fino cada explicación polo temor ao que quede por saberse. Contrastar a súa actitude coa do PP e a súa interminable nómina de casos de corrupción, moitos deles pendentes aínda de sentenza. No votante progresista a corrupción é unha liña vermella inasumible, pero a militancia do PSOE precisa algo ao que agarrarse: “La corrupción cero no existe”, pregoou Pedro Sánchez presentándose como o mal menor. Pola súa banda, Sumar atópase fronte ao reto de transitar por unha corda extremadamente frouxa. Xirar á esquerda e mellorar as condicións de vida da xente, facer que a lexislatura pague a pena como solución para que o votante progresista poña o beneficio material por diante da traizón política. Entre a conxugación de reaccións das esquerdas agroma unha especialmente interesante: prohibición ás empresas construtoras que propicien casos de corrupción de aspirar a licitacións públicas. O que na práctica sería un avance significativo para desactivar os mecanismos que fan xirar o sistema de enriquecementos ilícitos, favores compartidos e financiamentos opacos.
Unha última reflexión para rematar. Particularmente teño moitas dúbidas de que unha boa folla de servizos en termos macroeconómicos, mesmo no avance e ensanche de dereitos individuais, ou unha mellora obxectiva nas condicións de vida das maiorías abonden para prolongar a vida da coalición de goberno. O voto é o reflexo momentáneo dun estado de ánimo, configurado máis pola emoción que pola razón, pola consigna que polo interese. O PSOE consentiu todo tipo de prácticas antidemocráticas que agora padece, permitiu que Madrid sexa unha braña de provocadores con acreditación de xornalistas, o que retroalimenta a estratexia incendiaria da dereita. Fixeron do Congreso un recinto no que pirómanos e frikis de todo tipo monetizan reels. O comando dirixido por Miguel Tellado é unha barra de ultras que ouvean nas sesións plenarias imposibilitando o funcionamento normal das institucións. Todo este clima tóxico é o que alimenta a emoción que impulsa o voto, por riba do rendemento do Executivo, tanto para axitar as paixóns primarias en favor do cambio como para votar á defensiva polo medo á alternativa.

